Actualidade

Novas destacadas

Entrega do XI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado

Os autores de “Cándido e os demais”, Fran Pintadera e Christian Inaraja, veñen de recibir o XI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado nun acto institucional presidido polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega. O Departamento de Educación e Cidadanía e mais Kalandraka organizan este certame no marco da Campaña Municipal de Animación á Lectura, cuxa próxima edición contará con “Cándido e os demais” como eixe central das actividades.
Docentes e alumnado do CIFP Compostela e do IES do Sar, cos que Fran Pintadera e Christian Inaraja compartiran previamente as claves do seu libro, xunto con representantes da Corporación Municipal, membros do xurado do certame e especialistas en literatura infantil e xuvenil, acompañaron os artífices desta historia sobre a diversidade e a diferenza. O quinteto de saxos da Escola Municipal de Música de Santiago amenizou a cerimonia.
Publicado en sete linguas -as cinco peninsulares, inglés e italiano-, “Cándido e os demais” ofrece niveis de lectura distintos, propiciando a reflexión nos maiores. A obra galardoado co Premio Compostela xa viaxa co catálogo dos Libros para Soñar polas principais feiras internacionais do libro.

Feira de Frankfurt

A Feira Internacional do Libro de Frankfurt é a cita máis importante do sector editorial. Nesta 70ª edición, o stand de KALANDRAKA ambientouse coa figura de “Cándido”, XI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. Durante cinco intensos días visitáronnos autores e ilustradores, editores e axentes literarios de varios países interesados no catálogo dos Libros para soñar, que seguen cruzando horizontes.